Antonio Fraguas Forges faleceu esta madrugada en Madrid. Humorista gráfico, a súa obra estendeu a todo tipo de medios impresos (diarios como Pueblo, Diario 16, El Mundo ou El País, e revistas como Hermano Lobo, Interviú ou El Jueves) e ao audiovisual, onde dirixiu longametraxes e series de televisión. A súa gran preocupación pola reivindicación dos dereitos dos ilustradores levouno a ser un firme defensor das asociacións profesionais —por exemplo, durante anos foi tamén socio da AGPI—, e así formou parte en 2008 da Comisión de Profesionais do Observatorio da Ilustración Gráfica, que asesorou as publicacións Informe 2008, Los retos de la era digital e Nuevo libro blanco de la Ilustración Gráfica en España. Nos últimos tempos representou os ilustradores na Plataforma Seguir Creando, en defensa dos dereitos dos autores tras a xubilación.
A AGPI, xunto co resto das asociacións profesionais de ilustradores, lamenta esta gran perda e únese á dor da súa familia e os seus amigos.