Falece Xose Vizoso

Con gran pesar comunicamos o pasamento de Xosé Vizoso, autor ó que lle adicamos o Día da Ilustración 2025. Vizoso faleceu na súa casa de Brión ós 75 anos despois dun longo periodo con problemas de saúde. Pese a isto, tivo azos de acudir, fai apenas uns días, á inauguración da súa mostra “Xosé Vizoso: O neno que debuxou un cabalo”, exposta na Biblioteca de Galicia.

Este feito supón a perda dun gran referente da cultura galega contemporánea, que deixa un legado fundamental na gráfica, no deseño e en xeral nas artes do noso país. Cando tomamos a decisión de rendir homenaxe a autores vivos, sabiamos que en moitos casos estariamos facendo unha carreira contra o tempo. Compre salientar que mesmo Vizoso salientou no seu discurso inaugural na Biblioteca de Galicia a importancia de rendir homenaxe ós autores en vida. O único consolo que nos queda foi poder rendirlle unha merecida homenaxe e que él puidera ter a oportunidade de ser participe e de recibir o agarimo do noso colectivo, das institucións e do conxunto da sociedade galega.

Dende AGPI mandamos o noso máis sentido e agarimoso pésame á súa familia. Descanse en Paz.

Compartir