Os nosos socios Emma Ríos, David Rubín e Xosé Tomás están entre os autores protagonistas da nova edición do festival da banda deseñada Viñetas desde o Atlántico, que se desenvolverá na Coruña entre o 6 e o 12 de agosto. Entre as exposicións do festival tamén estará a relativa á novela gráfica O corpo de Cristo (Premio Castelao 2017), da nosa socia Bea Lema.
Os outros autores confirmados para este ano son o tamén galego Tirso Cons, Belén Ortega, Ángel de la Calle, Cristina Durán e Miguel Ángel Giner Bou, José Luis Munuera, Josep Homs, Mamen Moreu e José Ramón Sánchez, un clásico da ilustración española que nos últimos meses presentou a adaptación á banda deseñada da novela Moby Dick.
A AGPI contará, como vén sendo habitual, cun posto dentro da feira do cómic («Rúa da BD»), situada tamén nos xardíns de Méndez Núñez. Nel poderase acceder a publicacións da asociación e tamén a obras producidas polos nosos socios.
Cartel a cargo de José Luis Munuera