II Encontro de Banda Deseñada Histórica de Galicia

Esta mañá presentouse a segunda edición do Encontro de Banda Deseñada Histórica de Galicia, que se desenvolverá en Lugo os días 25 de abril e 4 e 5 de maio. O encontro inclúe actividades para os amantes da historia, do debuxo e do cómic; segundo os seus organizadores, «contribúe a poñer en valor a importancia desta disciplina artística e, especialmente, a calidade de profesionais galegos».

Está organizado por Demo Editorial e polo portal web Historia de Galicia, e conta coa colaboración da AGPI, entre outras entidades. O programa inclúe entre as súas actividades charlas, unha clase maxistral de ilustración, un obradoiro de debuxo para nenos e un roteiro histórico.

Hoxe, xoves 25 de abril, o Encontro comeza cunha clase maxistral sobre cor dixital, da man do ilustrador Javi Montes, que traballa como colorista para as principais editoriais de cómic dos mercados americano e franco-belga, como Marvel, DC, Dargaud ou Le Lombard. Será ás 17:00, na Escola de Arte Ramón Falcón.

A fin de semana do 4 e 5 de maio, o programa continuará con sesións teóricas, conferencias e obradoiros prácticos sobre banda deseñada histórica. O sábado 4 de maio, ás 10:00, organízase unha ruta histórica polo Lugo romano coa especialista en historia Lidia de la Fuente. A partir das 11:00, no CENTRAD, haberá un obradoiro para nenos impartido por Víctor Boullón; nel poderán aprender as principais técnicas da ilustración histórica (as inscricións poden realizarse nesta web). Ás 13:00, os autores participantes no Encontro asinarán libros na Librería Tótem.

Na tarde do sábado, a sala central do CENTRAD acollerá varias conferencias e mesas redondas. Miguel Fernández falará ás 17:30 sobre banda deseñada ambientada na Galicia medieval; Manel Craneo, ás 18:30, acerca da banda deseñada histórica en Galicia; e Javi Montes e José Barreiro disertarán ás 19:30 sobre a banda deseñada histórica no mercado europeo.

Como remate desta programación, o 5 de maio, ás 12:00 na Sala Clavicémbalo, proxectaranse filmes de ficción e documentais sobre banda deseñada e haberá unha sesión de contacontos históricos da man do actor e contacontos Avelino González.

Cartel do Encontro, a cargo de Manel Cráneo
Compartir