O pasado sábado, 19 de maio, tivo lugar no Teatro Principal de Santiago de Compostela a terceira edición dos Premios Gala do Libro Galego, organizados conxuntamente pola Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editoras (AGE) e mais a Federación de Librarías de Galicia (FLG). Entre as obras gañadoras (escollidas entre todas as editadas ao longo de 2017), houbo varias relacionadas coa ilustración.
Así, na categoría Infantil resultou premiado A señorita Bubble, de Ledicia Costas, ilustrado polo noso socio Andrés Meixide. Na categoría Libro ilustrado, o premio foi para Tinta de luz, con textos de Xosé María Álvarez Cáccamo ilustrados pola artista visual Berta Cáccamo. Pola súa parte, na categoría Libro de banda deseñada, Alter-Nativo, de Jorge Campos, foi a obra galardoada. Finalmente, a categoría de Tradución premiou a versión de David A. Álvarez de Pippi Mediaslongas, de Astrid Lindgren, que inclúe as ilustracións orixinais de Ingrid Vang Nyman.
Polo que respecta ao capítulo de Premios ás traxectorias, o galardón á Iniciativa cultural ou de fomento da lectura foi para o festival de banda deseñada Viñetas desde o Atlántico.
O xurado dos premios estivo formado por María Luz Corral, Mario Regueira, Marga do Val, o noso socio Óscar Villán, Susana Sánchez Aríns, Xavier Senín e Óscar Antón Pérez García.