Sesión do Clube de Debuxo da Coruña, con debuxo de modelo

A cita de febreiro do Clube de Debuxo, iniciativa da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración, volve adoptar a forma de sesión de debuxo con modelo en vivo na Fundación Luis Seoane (rúa San Francisco, 27, 15001 A Coruña), este venres, 21 de febreiro, de 19:00 a 21:00. 

Como vén sendo habitual, para permitir realizar un debuxo áxil, as poses do modelo serán curtas, de entre un e dez minutos, e o recomendable será moverse pola sala, aínda que haberá cadeiras para quen queira. 

As actividades do Clube de Debuxo están dirixidas a ilustradores, animadores, debuxantes de cómic e estudantes de ilustración. No caso dos socios da AGPI, a actividade é gratuíta, pero aos non socios nesta ocasión pediráselles un donativo de 2 euros (na propia sala), para cubrir o pagamento do modelo. Cada asistente, como é habitual, debe levar o seu propio material de debuxo. Para realizar a inscrición, só hai que cubrir este formulario en liña. As prazas son limitadas, e serán adxudicadas por rigorosa orde de inscrición.

Esta é a oitava sesión do Clube de Debuxo; anteriormente realizáronse outras na propia Fundación Luis Seoane, nun ensaio da Sinfónica de Galicia, na piscina municipal do Club do Mar da Coruña, no Mercado de Verdura de Vilagarcía e nun ensaio de danza no Teatro Rosalía de Castro da Coruña.

O Clube de Debuxo naceu coa intención de realizar unha práctica interesante rodeados de compañeiros, ademais de crear un punto de encontro entre profesionais onde compartir as nosas experiencias e inquedanzas. A partir de agora, as sesións do Clube comezarán a realizarse tamén noutras localidades galegas, que se anunciarán en breve.

Compartir