O Encontro Galego de Ilustración chega ás 15 edicións

Este ano, o Encontro Galego de Ilustración, que organiza anualmente a AGPI, alcanza a súa edición número 15, e ofrece máis contidos e actividades de interese tanto para profesionais como para o público xeral. O groso das actividades decorrerá na Unitaria (o venres 28) e no Auditorio de Galicia (o sábado 29).

Convidados de relevancia internacional

Os convidados principais deste ano son tres nomes de grande relevancia dentro do panorama actual da ilustración: Ana Galvañ, Juan Díaz-Faes e Miguel Gallardo.

Ana Galvañ, murciana afincada en Madrid, ten realizado traballos de ilustración e cartelería para empresas e institucións como Lonely Planet, Unicef ou Matadero Madrid. É unha das autoras de cómics máis interesantes e innovadoras da actualidade, e o seu libro Pulse enter para continuar está a piques de publicarse no mercado estadounidense da man da prestixiosa editora Fantagraphics.

O asturiano Juan Díaz-Faes é un ilustrador multidisciplinar, especializado en deseño de estampados téxtiles e ilustración de produto. Colabora en revistas como Yorokobu ou Ling e ten traballado para marcas como Vodafone ou Ikea. É coautor de varios libros, como Treinteenagers, con Carlos G. Miranda (Lunwerg), ou Cien pelis para ver y darle al coco, con Borja Crespo (Yorokubu).

Pola súa parte, a longa traxectoria do catalán Miguel Gallardo está ligada nos seus comezos á lendaria revista El Víbora, na que creou personaxes tan icónicos como Makoki ou El Niñato. Despois ten acadado unha sólida traxectoria internacional como ilustrador editorial, colaborando con medios como New Yorker ou Herald Tribune (que lle teñen valido dous premios da Society of Newspaper Design). En 2007 publicou a novela gráfica María y yo, que narra as súas experiencias coa súa filla con autismo. O libro, de grande éxito, foi adaptado posteriormente ao cinema, e en 2015 tivo unha continuación, María cumple 20 años.

Un programa atractivo

O venres 28 a Unitaria (Calzada de San Pedro, s/n, 15703 Santiago de Compostela) acolle dúas actividades: un obradoiro de ilustración a cargo de Miguel Gallardo —co irónico título de «Eu non sei debuxar»— e unha nova sesión da Ilustranoite, formato en que unha decena de ilustradores e ilustradoras de Galicia presentarán os seus proxectos de xeito áxil, ameno e moi visual. Participarán nesta ocasión Maru Astray, Víctor Boullón, Nuria Díaz, Tomás Guerrero, Komorebi, María Lapido, Miss Hope, Ness, Venditti e Dani Xove.

O sábado 29, pola mañá e e pola tarde no Auditorio de Galicia (Av. do Burgo das Nacións, s/n, 15704 Santiago de Compostela), e coa ilustradora Laura Pato (Le Petit Patito) como mestra de cerimonias, terán lugar as charlas de Galvañ, Díaz-Faes e Gallardo. Ademais, haberá un panel de experiencias en que os galegos Pilar Marcó, Xurxo G. Penalta e David Pazos falarán da súa visión como ilustradores para a industria téxtil galega.

Xa pola noite, nun local da cidade vella de Santiago que se revelará o propio sábado, está organizada unha Festa fin de Encontro cunha Sesión DJ ilustrada; contará con música a cargo do DJ Bluemouse e proxeccións de debuxos realizado en directo por Dani Xove, Manel Cráneo e Alberto Guitián, entre outros.

Todas as actividades son de entrada libre e gratuíta, agás o obradoiro, que precisa dunha inscrición previa de 15 euros (5 euros no caso dos socios da AGPI). Toda a información pode consultarse aquí.

O Encontro conta coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela, que cede a sala do Auditorio de Galicia, e co apoio económico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

15 edicións do Encontro

Desde 2004, o Encontro Galego de Ilustración trae a Galicia ilustradores e ilustradoras de primeiro nivel internacional, sen esquecer os grandes nomes da ilustración galega.

Esta cita dá cabida a todas as áreas existentes dentro da profesión, desde o mundo editorial ata o da animación, pasando pola publicidade ou os medios dixitais. Polo Encontro teñen pasado autores do talle de Ajubel, Algarabía Animación, Horacio Altuna, Arnal Ballester, Xosé Cobas, Suso Cubeiro, Luís Davila, Cristina Durán, Manel Fontdevila, Forges, Sagar Forniés, Giovanna Lopalco, Xan López Domínguez, Mar Malota, Xaquín Marín, Ignacio F. Maroto (Bambinomonkey), Max, Elena Odriozola, Carlos Ortín, Puño, Raúl, Julián Romero, David Rubín, Siro, Alberto Taracido, María Luisa Torcida, Alberto Vázquez ou Xosé Vizoso.

O Encontro ten tratado, ademais, temas clave para a profesión como os dereitos de autor, a situación económica do sector, os cambios nos modelos de negocio ou o impacto das novas tecnoloxías. Temas debatidos e analizados por especialistas procedentes de organizacións e ámbitos moi diversos: axencias de ilustración, avogados, entidades de xestión, editoriais, asociacións sectoriais…

Catorce anos despois, a ilustración está moito máis normalizada na nosa paisaxe cultural. O Encontro busca agora dar un paso adiante como cita pioneira en Galicia para os profesionais e os amantes da ilustración gráfica.

Compartir