Onte deuse a coñecer o gañador do Premio Nacional de Ilustración correspondente a 2019, Paco Giménez. En palabras do xurado, o recoñecemento ao ilustrador vén motivado «por manter a calidade e a frescura ao longo dunha traxectoria de máis de corenta anos cun estilo característico; pola súa lealdade á liña e á xeometría asimilada dalgunhas das vangardas históricas das artes visuais, impulsando así a profesión e a ilustración infantil e xuvenil». O premio está concedido polo Ministerio de Cultura e Deporte, «co obxectivo de recoñecer e distinguir o conxunto do labor realizado por unha ilustradora ou ilustrador español no ámbito do libro e das letras en calquera das linguas españolas», e conta cunha dotación económica de 20 000 euros.
Paco Giménez (Valencia, 1954) iniciou o seu labor profesional como ilustrador e deseñador gráfico en 1974, e desde 1982 o seu traballo céntrase principalmente no sector infantil e xuvenil. Habitualmente forma tándem co escritor Carles Cano. Ademais de banda deseñada, ten ilustrado individualmente máis de 125 libros e materiais didácticos. Entre os outros galardóns que ten obtido encóntrase o Premio Lazarillo (1989), o Premi al llibre en valencià millor il·lustat (2002) e a selección ‘White Raven’ (1996). Ten participado en innumerables exposicións internacionais, como as da Bienal de Bratislava, a Feira de Boloña, o Institut International Charles Perrault ou o MUVIM de Valencia. Ten sido cofundador, presidente e vicepresidente da Associació de Professionals de la Il·lustració Valenciana (APIV) e cofundador e secretario da FADIP.
O xurado estivo presidido pola subdirectora xeral de Promoción do Libro, Begoña Cerro Prada, e actuaron como vogais: Clara-Iris Ramos, pola APIC; Víctor Visa, pola APIV; Kike de la Rubia, pola APIM; Brais Rodríguez, pola AGPI; Ruth Juan, por Euskal Irudigileak; Riki Blanco, pola FADIP; Sagrario Aznar Almazán, polo Centro de Estudios de Género da UNED; Estrella de Diego Otero, pola Real Academia de Bellas Artes de San Fernando; e Marta Higueras Diez, pola OEPLI.