— ACTUALIZACIÓN 2 — Desde AGPI queremos anunciar que estamos en conversacións cos artistas participantes e coa Concellaría de Medio Ambiente para intentar mellorar na medida do posible esta convocatoria, xa que existen xestións administrativas que a estas alturas non permiten modificar as condicións tanto como nos gustaría. Ademais, desde a concellaría convidóusenos, tanto á asociación como aos artistas participantes no RuarteFest, a unha reunión posterior ao evento para avaliar as problemáticas e para sentar as bases de futuros proxectos.
— ACTUALIZACIÓN — Queremos puntualizar que o que estamos a reclamar son unhas bases xustas para a convocatoria RuarteFest, pero que a iniciativa Ruarte, que leva meses en activo, é unha iniciativa remunerada de forma xusta, na que participaron diferentes profesionais, e que celebramos positivamente. Ademais queremos recalcar que isto non é un problema dun partido en concreto, senón que son gobernos de todas as cores, en todo o territorio español, os que incorren en iniciativas con bases inxustas e que desfavorecen os sectores creativos. Por iso parécenos inxusto utilizar esta situación como arma electoral e rexeitamos calquera uso electoralista desta iniciativa que xorde da AGPI.
— —
Ante a falta de resposta por parte do Concello e da empresa que xestiona este evento, vémonos na obriga de emitir este comunicado público, co fin de desaconsellar a participación neste tipo de convocatorias, que por desgraza se dan en moitos lugares do territorio español e abranguen tamén outros eidos creativos. Ademais, consultamos con profesionais e colectivos do sector do muralismo, que nos deron o seu apoio para facer público este texto.
Desde a AGPI celebramos a iniciativa Ruarte da Concellaría de Medio Ambiente do Concello da Coruña, destinada a mellorar espazos urbanos degradados da cidade a través da creación visual e a arte urbana.
Non obstante, consideramos que, dentro da iniciativa Ruarte, a convocatoria RuarteFest ten unhas bases que supoñen un prexuízo para o noso colectivo profesional, xa que teñen un carácter especulativo que non podemos obviar e que pensamos que debería ser revisado.
Tal e como se formulan as bases, todos os creadores participantes deben proxectar e realizar unha proposta de intervención urbana. Destas propostas, só tres serán premiadas con dotación económica, que ademais cremos que non se adecúa ao traballo realizado. Desde a asociación consideramos que todas as propostas seleccionadas teñen que ser remuneradas. Do contrario, Ruarte baséase no traballo gratuíto, de forma que precariza a nosa profesión.
Consideramos moito máis atinada a designación directa e remunerada de creadores /as concretos para intervir espazos concretos. Entendemos que os orzamentos necesarios para un enfoque así precisarían ser moito maiores, pero cremos que, se non se conta con recursos suficientes para executar unha proposta en condicións dignas para todos os axentes participantes, o positivo é entón facer proxectos máis pequenos, adaptándoos ás posibilidades existentes.
De ser unha iniciativa de carácter afeccionado ou social deberíase convocar de maneira moi diferente, sen utilizar un vídeo promocional con traballos de artistas profesionais ou sen incluír espazos privados como os dos locais comerciais.
En todo caso, tendemos a man para que o Concello da Coruña, e outras entidades públicas e privadas, nos teñan en conta á hora proxectar e redactar as bases de futuras convocatorias, co fin de que as iniciativas relacionadas coa ilustración non prexudiquen os profesionais e teñan as mellores condicións posibles.