Sobre as intelixencias artificiais xenerativas

Dende AGPI apoiamos o texto dos compañeiros da APIV (Associació de Professionals de la Il·lustració Valenciana) e compartimos o seu punto de vista sobre a necesidade de lexislar nestas novas tecnoloxías, a protección dos dereitos dos autores e autoras e en contra do uso actual das Intelixencias Artificiais Xenerativas (IAX).

O comunicado, traducido ó galego, é o seguinte:

Sobre as intelixencias artificiais xenerativas 

Desde a Asociación de Profesionais da Ilustración Valenciana (APIV) defendemos os  dereitos e intereses dos profesionais do sector. Por iso pensamos que é necesario  reflexionar sobre o estado actual de desenvolvemento da intelixencia artificial  xenerativa (IAX). A tecnoloxía pode ser marabillosa sempre que sexa ética, sustentable  e imparcial e contribúa ao benestar individual e colectivo. Por todo isto, consideramos  que as IAX, no seu estado actual, supoñen un grave risco para o noso sector e para o  conxunto da sociedade, e polo tanto deben ser reguladas. 

Que son as IAX de imaxe? 

Son tecnoloxías que pertencen a grandes corporacións privadas, e que son capaces de  xerar imaxes a partir de textos (prompts). Para que unha IAX poida crear unha imaxe,  precisa dunha base de datos previa. Esta base de datos é LAION 5B, composta por 5000 millóns de imaxes e textos descritivos compilados de Internet. A maioría destas imaxes  son obra de artistas protexidas por dereitos de autoría e utilizadas sen o seu  consentimento. Para desenvolver LAION 5B, as empresas IAX crearon LAION, unha  organización alemá sen ánimo de lucro. A través de LAION puideron recoller, con fins  de investigación, todas estas imaxes sen incumprir a lei alemá. Posteriormente,  trasladaron todo este traballo protexido por dereitos de autoría ás súas empresas  matrices (con ánimo de lucro) nos Estados Unidos. Así é como as empresas da IAX  roubaron o traballo de milleiros de artistas mediante unha estratexia intencionada de  branqueo de datos. 

As IAX non son éticas 

Hoxe as IAX non están reguladas. Os seus avances tecnolóxicos, impulsados polo afán  de lucro das grandes empresas, van máis rápido que a creación de leis xustas que  controlen as súas consecuencias. Actualmente non é posible o uso ético de IAX porque  a súa orixe é o roubo de datos con fins lucrativos. 

Dereitos de autoría 

Baixo o seu modelo actual de funcionamento, as IAX explotan de xeito non remunerado o traballo de milleiros de creadores. Isto supón unha violación sistemática —e a unha  escala sen precedentes— dos dereitos de autoría, que suscita varios problemas. Entre  eles, a falta de consenso xurídico internacional sobre quen é o propietario dos dereitos  das imaxes xeradas. 

Precariedade 

As IAX están deseñadas para automatizaren e suplantaren os procesos creativos. Cando  unha empresa prescinde dun profesional para traballar a través dunha IAX, faino para  reducir custos. A consecuencia disto é a precariedade do noso sector. 

Roubo de identidade 

As IAX non só rouban o traballo dos creadores, senón que poden operar usando os seus  nomes específicos como parte do texto xerativo (prompt) para imitar o seu estilo. Isto  engade un novo conflito: a usurpación da identidade dos artistas e dos dereitos morais  que os protexen.

Saúde mental 

Os creadores que intentan vivir do seu traballo enfróntanse a diario ás condicións  abusivas dun sector xa precario. Sumado a isto, sentírense substituídos por IAX nunha  profesión altamente vocacional xéralles graves problemas psicolóxicos que temos que  afrontar colectivamente. 

Desigualdade 

As empresas tecnolóxicas que xestionan as IAX mediante subscricións de pagamento  acumulan cada vez máis beneficios á custa da vida digna de millóns de creadores.  Promoven un modelo de sociedade baseado na desigualdade e na acumulación de  riqueza en mans dunha minoría. 

Cambio climático 

As IA teñen un impacto ambiental devastador. Segundo Open AI (2020), o consumo  enerxético utilizado na intelixencia artificial duplícase cada 3-4 meses. A potencia  computacional necesaria para aumentar as súas capacidades, a curto e longo prazo, entra en conflito directo cos límites físicos do noso planeta. 

Por todas estas razóns, desde APIV estamos en contra deste modelo de uso e de  negocio da intelixencia artificial xenerativa e a favor da súa regulación. 

Texto orixinal: https://apiv.com/sobre-les-intelligencies-artificials-generatives/

Compartir