A terceira edición de Allariz Debuxado, Festival da Arte da Ilustración, decorrerá nesta vila ourensá na última fin de semana de xaneiro.
A primeira parte do festival decorrerá no Fogar dos Maiores. Así, o venres 25 de xaneiro, ás 12:30, será o momento da presentacion das xornadas, a cargo de César Lorenzo, director de Aira Editorial. O programa comezará, ás 13:00, cunha charla a cargo de Javier Olivares, títulada «Intermundos. Crónicas de mil viaxes entre a historieta e a ilustración». Pola tarde, ás 17:00, a primeira conferencia será de Miguel Ángel Giner Bou, «Guión e narrativa gráfica: claves para contar unha historia»; ás 19:00 darase paso a outra disertación, de Cristina Durán e o propio Giner Bou, baixo o título «O cómic como ferramenta de transformación social».
Pola noite, ás 23:30, o espectáculo de música e humor Branca & Tinta terá como escenario o Café Cultural Roi Xordo.
O sábado ás 12:00 abrirase a II Feira da Creación —definida como «feira de ilustración, deseño, edición e outras creatividades»—, que se poderá visitar durante todo o día no Espazo BenComún. O programa da feira incluirá micropresentacións de proxectos (ata o día 18 de xaneiro está aínda aberto o prazo de inscrición de participantes nesas micropresentacións; máis información, nesta ligazón), e ás 13:00 a presentación do proxecto Nimales a cargo de Miki Pluviam.
Pola tarde, no Fogar dos Maiores ás 17:00, os editores de Kalandraka Manuela Rodríguez e Xosé Ballesteros impartirán unha charla acerca da historia do Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado.
Como actividade complementaria, o festival contará coa exposición «11 anos de Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado», na Galería Circular.