Entre o 5 e o 11 de agosto, a cidade da Coruña recibe unha nova edición —a vixésimo segunda— do festival da banda deseñada Viñetas desde o Atlántico. Este ano, o festival ten como autores convidados a Abel Alves, Yolanda Castaño (como figura central do libro colectivo de BD O puño e a letra, baseado en poemas seus), Jorge Coelho, Isabel Greenberg, Albert Monteys, Antonio Navarro, David Sala e Tony Sandoval. Ademais das mostras monográficas correspondentes a estes autores, o evento contará tamén coas exposicións «¡Mil rayos! Tesoros de un tintinófilo», de Pedro Rey; as pranchas da obra gañadora do Premio Castelao 2018, «Canción para afundir flores no mar», de Oliver Añón; e «¿Pintas o dibujas? Un paseo por el arte de la mano del cómic», que conta con obras de Ana Galvañ, Antonio Altarriba / Keko, Fermín Solís, Laura Pérez Vernetti, María Hesse, Mauro Entrialgo, Max, Pablo Auladell e Santiago García / Javier Olivares.
Como é habitual, o programa ten numerosas charlas e conferencias, presentacións, talleres e sesións de sinaturas, e ademais conta cunha feira especializada en cómic, co nome de «Rúa da BD». Nela, como vén sendo tradicional, a AGPI ten unha caseta, onde poden adquirirse as publicacións da asociación e tamén materiais xerados polos socios: láminas, fanzines e outros produtos de ilustración aplicada. Poden encontrarse así materiais de Carlos Arrojo, Sonia Corral, Miguel Cuba, Estefanía Domínguez Cagigao, Xosé Geada Uzal, Paula Mayor, Jorge Peral ou Luis Sendón, entre outros.