Múltiples citas de ilustración na Coruña

Desde o 1 de agosto desenvólvese na Coruña a Feira do Libro, que acolle moi diversas actividades e presentacións. Presentaron xa as súas novidades os nosos socios Dani Padrón, Xosé Tomás e Alberto Vázquez; a partir de hoxe fan o mesmo ilustradores como Fausto ou Miguelanxo Prado.  Mañá, sábado 4, a partir das 12:00, terá lugar na feira a 2.ª Brincadeira de ilustradoras e ilustradores, que, coordinada por David Pintor, contará coa presenza de Miguel Calatayud, Mariona Cabassa, Noemí Villamuza, Xan López Domínguez, Marc Taeger, Gustavo Roldán Devetach, Lucía Cobo, María Luisa Torcida, Xosé Cobas e María Lires, que participarán ás 18:00 nun debate conxunto. O venres 10 ás 18:00, a nosa socia Paula Mayor prepara a actividade «Collage da Coruña», relacionada co seu libro Coloreando A Coruña. Ao longo de toda a feira asinarán libros ademais os nosos socios Siro, Antonio Seijas e Óscar Villán.

Ademais, o luns, día 6, comeza tamén a nova edición do festival da banda deseñada Viñetas desde o Atlántico, e á presenza de autores convidados coas súas respectivas exposicións súmanse tamén varias mostras complementarias organizadas por outras entidades. Así, na Galería Monty4 podemos encontrar a titulada Comix Revolution, do noso socio David Rubín, tamén protagonista, xunto con David Aja, da exposición Superpoderes, que ocupa a sede coruñesa de Afundación. No MAC (Museo de Arte Cotemporáneo), pola súa parte, exponse Historietas del tebeo, 1917-1977, que percorre a historia do cómic español baixo o comisariado de Antoni Guiral.

Ademais, na próxima fin de semana comeza a nova edición do festival de autoedición e BD de autor Autobán, que se desenvolverá o venres 10 na Nave 1839 e o sábado 11 en diversos locais da rúa Orzán e que incluirá unha presentación de proxectos (o «Autobombo»), un Combate de debuxantes, unha feira de fanzines, charlas e mais un taller infantil.

Compartir